Sunday 05 de May de 2024

O BNG de Oleiros solicitará ao Concello no pleno ordinario de outubro a inclusión na RPT do Concello de prazas para técnicas de Medio Ambiente


No BNG acreditamos que intervención deste tipo de técnicos é fundamental para que a perspectiva medioambiental estea presente en todas as decisións que poidan afectar a esta área

No BNG de Oleiro achamos imperiosa que na RPT do Concello existan prazas para técnicas de Medio Ambiente nesta área que é a que máis diñeiro dispón nos orzamentos do Concello. Intervencións invasivas como as que se están a producir en zonas tan sensíbeis como no Monumento Natural do Concello e noutros lugares, obrigan que as autorizacións que se vaian a autorizar no futuro por parte do Concello, sexan avaliadas tamén dende unha perspectiva medio ambiental e non só de orde pública ou con finalidades exclusivamente publicitarias ou propagandísticas.
Solicitaremos pois ao Concello que teña en conta a necesidade deste tipo de especialistas en Medio Ambiente.
Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía:
Sospeitas do Alcalde sobre un pacto secreto para eliminar Nostián
Sete alcaldesas e alcaldes e unha tenente de Alcalde do Consorcio As Mariñas mantiveron o 5 de outubro un encontro en María Pita para a posta en común das liñas de acción que determinarán a próxima licitación do servizo de tratamento de residuos centralizado na planta de Nostián (quinto contentor). O Alcalde non asistiu após non ter sido elixido como presidente do Consorcio e amosar as súas sospeitas sobre un pacto secreto para eliminar Nostián polo valor do solo onde está ubicada a planta.
Preguntaremos ao Alcalde en que basea estas afirmacións das sospeitas de querer eliminar Nostián ente PSOE e o presidente do Consorcio cunha presunta finalidade tan cobizosa.
Mamotreto durante anos na AC-173
En Lourido, na AC-173, existe dende hai varios anos un mamotreto sen uso, teoricamente destinado á promoción inmobiliaria. Aínda que estea nunha leira privada está lindando coa vía pública, entendemos que ese vagón non pode estar aí por ser contrario as normas sectoriais. Pediremos información ao Alcalde para saber se o Concello requiriu por escrito á promotora, cantas veces e se foi sancionada por este motivo.
Arranxo urxente de beirarrúas e revisión xeral do estado das mesmas
A veciñanza púxonos en alerta sobre o estado dalgunhas beirarrúas; concretamente na rúa Dolores Ibarruri, na praza que está cruzando coa rúa Garrucha, xunto á zona de carga e descarga. Esta situación xa ten provocado tropezóns e pequenos incidentes que, por agora, non tiveron maiores consecuencias, pero que poderían telas. Pediremos ao Goberno local o seu arranxo urxente, alén dunha unha revisión xeral do estado das beirarrúas.